parlamento galego

BNG reclama a Medio Rural o pago urxente das novas axudas para ecorréximes correspondentes á PAC do 2023

Secundino Fernández
Secundino Fernández
Secundino Fernández denuncia que a demora da Xunta nos pagos pode afectar á viabilidade dalgunhas explotacións agrogandeiras     

O portavoz de Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, urxiu este mércores ao Goberno do PP o pago das axudas dos chamados ecorréximes correspondentes á PAC (Política Agraria Común) do ano 2023. “Non máis escusas de mal pagador. Paguen dunha vez!”, exclamou o deputado nacionalista no transcurso dunha pregunta ao Executivo.

Secundino Fernández estreouse como deputado denunciando ante o Pleno o retraso no pago destas novas axudas, vinculadas a prácticas produtivas en favor do clima, o ambiente e o benestar animal e cuxa tramitación, asegurou, supuxo un considerable esforzo burocrático e introduciu unha grande incerteza entre os titulares das explotacións.

“A día de hoxe a Xunta non aprobou nin pagou un só euro das axudas dos ecorréximes da anualidade de 2023”, afirmou, advertindo do “importante montante económico” da débeda que a Administración autonómica mantén coas explotacións agrogandeiras,  até o punto de que algunhas poden ver perigar a súa viabilidade.

“Galiza parece sempre abandeirada no máis lesivo para o sector”, lamentou o deputado do BNG logo de explicar que, segundo o calendario de pagos destas axudas do ano 2023, a Administración debería ter pagado xa un anticipo do 70 % antes do 30 de novembro do ano pasado, unha porcentaxe que tería que chegar ao 90 % a partires do 1 de decembro, estando previsto o abono restante até o 30 de xuño deste 2024.

O deputado nacionalista lamentou a situación creada polo Goberno do PP e advertiu da “inseguridade” xerada de cara as solicitudes do ano 2024. “A poucos días de que remate o período de solicitude da PAC 2024 as persoas titulares das nosas explotacións non saben aínda como funcionan os ecorréximes”. “Non saben a que aterse nin que modalidade solicitar”, dixo.

“As explotacións agrarias galegas que coidan a nosa terra, que dan vida ao noso rural, que resisten nas nosas parroquias, necesitan o apoio do goberno galego e que lle faciliten as cousas”, concluíu o deputado por Ourense tras exixir á nova conselleira de Medio Rural, María José Gómez, que aprobe e pague os expedientes que motivaron a súa pregunta antes de que finalice o período de solicitude da PAC do ano 2024. 
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG