Ana Pontón sinala a transparencia e a loita contra a corrupción como prioridades do goberno alternativo do BNG

Reproba a negativa do PP a auditar os contratos da pandemia pese a que o Consello de Contas só puido fiscalizar o 30% da contratación da Xunta

“Está claro que algo ten que ocultar”, recrimina a Rueda para acusalo de facilitar o enriquecemento de empresas amigas a conta da COVID-19  

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou na primeira sesión de control da nova lexislatura que  “loitar contra a corrupción, velar pola transparencia e polo trato igualitario de todas as empresas” é unha das prioridades do goberno alternativo do BNG, un compromiso que contrapuxo á opacidade dun  PP que segue negándose a realizar unha auditoría sobre os contratos  Xunta durante a pandemia.

No seu cara a cara co xefe do Executivo, a líder do Bloque acusou a Rueda de mentir cando di que estes contratos xa están auditados polo Consello de Contas dado que este “só puido facer unha auditoría parcial que deixou fóra ao 70% da contratación”, asegurou durante a sesión de control parlamentaria.

Aínda así, subliñou que pese a esa reducida fiscalización o órgano de control detectou “deficiencias nas memorias xustificativas” dos contratos, a falta dunha “mínima concorrencia entre as empresas licitadoras”, contratos verbais “que logo non foron documentados” e mesmo a adxudicación como contratos de emerxencia de expedientes que “estaban iniciados antes da declaración da pandemia”.

De igual xeito, o Consello de Contas detectou unha concentración moi importante da contratación nunhas poucas empresas. Concretamente en 2021, só catro empresas acapararon o 66% do importe total adxudicado por contratos de emerxencia.

Pontón destacou a conexión de persoas vinculadas a cargos do PP con esas empresas beneficiadas dos contratos de emerxencia durante pandemia, como por exemplo os 15 millóns de euros facturados coa empresa na que traballa o cuñado de Feijóo cando este era presidente da Xunta; ou á empresa da que foi comisionista a parella sentimental de Isabel Díaz Ayuso, “que cobrou unha comisión millonaria por facer a intermediación co Sergas”.

A líder nacionalista criticou ao Partido Popular por estrear a lexislatura vetando unha iniciativa do Bloque que o único que pedía era “transparencia e combater a corrupción” cunha auditoría sobre estes contratos. “Toda unha declaración de intencións”, afeou para repasar a continuación as informacións xornalísticas que recollen as irregularidades nos contratos do Executivo do PP durante a pandemia.

“Está claro por que vostedes non queren unha auditoría, está claro que algo teñen que ocultar”, concluíu ante a negativa de Rueda a fiscalizar a totalidade das contratacións pese a que, segundo recalcou, “estamos falando duns feitos gravísimos e que nos repugnan porque mentres miles de persoas falecían en circunstancias dolorosísimas, houbo quen quixo ver a pandemia como unha oportunidade para forrarse especulando con contratos públicos”.

“É evidente que na pandemia había que realizar contratos de emerxencia, pero o que non é presentable nin admisible é que houbera quen quixera forrarse vinculando esa pandemia con contratos que o único que buscaban era un enriquecemento ilícito”, afondou Pontón: “se todo está tan ben como proclama, por que se nega a investigar señor Rueda?”, interpelou a líder do Bloque.

Millóns de euros en contratos a dedo

Pontón afirmou que as irregularidades non se circunscriben só ás contratacións realizadas durante a pandemia, senón que o Executivo de Rueda adoptou a opacidade e falta de transparencia “como forma de goberno”, empregando como fórmula habitual “as adxudicacións a dedo” que supoñen “unha discriminación entre empresas”. 

Neste sentido, citou os 1.311 contratos a dedo en cinco anos que lle deron á empresa que dirixe en Galiza a irmá do señor Feijóo, de novo un cargo vinculado ao PP beneficiándose da contratación da Xunta. Pontón citou ademais os máis de 4.000 millóns de euros adxudicados tamén “a dedo” durante os últimos seis anos.

Neste contexto, a portavoz nacional pediu a Rueda que rectifique o veto do PP a investigar a contratación durante a pandemia, concluíu, tras ironizar sobre como “o partido condenado por corrupción e o partido que rompe discos duros a martelazos dando leccións no Parlamento de rexeneración democrática”.




 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG