Ana Pontón destaca que o escano do BNG foi o escano do pobo galego na UE e así seguirá sendo con máis forza a partir do 9X

Candidatura Europeas 2024
Candidatura Europeas 2024
Ana Miranda: “O Bloque é a voz de Galiza en Europa”

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou na presentación en Santiago da candidatura do BNG ás próximas eleccións europeas que o escano do Bloque “foi o escano do pobo galego e así o vai seguir sendo a partir do 9 de xuño con máis forza”.

A líder nacionalista mostrou así o seu convencemento de que nos próximos comicios europeos todos os galegos e as galegas que queren que o País teña unha voz forte en Bruxelas van apostar pola candidatura do BNG que encabeza Ana Miranda, da que dixo foi “a voz enérxica, incansable e irredutible” de Galiza en Europa, a voz que “defendeu os intereses do País con contundencia, rigor e solvencia”.  

“Ao longo destes anos, Ana Miranda non foi só a deputada do BNG, foi a deputada de todas e todos os galegos”, afirmou para recalcar a continuación que o escano nacionalista “é a única garantía que ten este País para ter voz propia en Bruxelas”.

Pontón considerou que o traballo feito pola cabeza de lista é “o mellor aval” posible á hora de pedir o apoio para unha candidatura da que forman parte un conxunto de homes e mulleres comprometidas co futuro de Galiza, “referentes no ámbito académico, social, cultural, ambiental e tamén de sectores produtivos especialmente afectados polas políticas da Unión Europea”, engadiu. 

Coa vista posta en reforzar o apoio á candidatura, a portavoz nacional recordou que foi grazas ao BNG que na Eurocámara se falase da nosa frota pesqueira, do sector lácteo, das nosas rías, da emigración da xente moza, da fuga de talento investigador, do abandono do rural, do corredor atlántico ou da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”.

Cuestións abordadas nas institucións europeas grazas a un Bloque que tamén trasladou a Europa “un modelo enerxético alternativo ao espolio eólico”, a rexeneración democrática, a memoria histórica, a crise demográfica, a defensa dos servizos sociais e da lingua e a cultura galega.

Neste sentido, Pontón fixou como obxectivo darlle máis forza ao escano nacionalista porque Galiza ten que ter voz propia en Europa para facerse escoitar, para negociar e para “defender os intereses dos nosos produtivos, da xente do mar e do rural, para defender o noso medio ambiente e o noso territorio e para defender os avances sociais e os dereitos da clase traballadora”.

Así mesmo, mostrou a vontade do BNG para axudar a construír “outra Europa posible”, unha Europa dos pobos “que non sexa mera comparsa de Estados Unidos e da OTAN, senón que defenda un mundo máis libre, máis xusto e en paz”, concluíu.

Pola súa banda, a cabeza de lista, Ana Miranda, comprometeuse “a traballar arreo” para que Galiza sexa escoitada e para que a presenta do Bloque no Parlamento Europeo “permita unha defensa directa dos intereses do noso país fronte a un modelo neoliberal que non nos beneficia”.

“O BNG é a voz de Galiza en Europa”, sintetizou logo de advertir que o reto actual pasa tamén por dar resposta ás consecuencias da crise económica que provoca que haxa moitas familias no País que non chegan a final de mes.

“Fronte a esta situación na Eurocámara, seguirémonos enfrontándonos a Von der Layen e aos comisarios e comisarias que non escoitan e que van en contra dos intereses das galegas e dos galegos”, afirmou para engadir a continuación que o Bloque tamén seguirá denunciando no Parlamento Europeo “a masacre de Gaza”.

Miranda quixo trasladar por último aos galegos e ás galegas que “terán en nós esa voz forte, a voz galega en Europa, para defender todo o que afecta a Galiza”, porque segundo concluíu, “se nós non estamos, hai moitos temas que non se defenderían no Parlamento europeo”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG