Parlamento Europeo

Ana Miranda: “É prioritario rescatar a concesión da AP-9 e rematar coa discriminación dunhas peaxes abusivas”

Ana Miranda
Ana Miranda
O Bloque reclama á Comisión Europea que faga pública a documentación do procedemento de infracción da prórroga da ampliación da AP-9

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentou unha pregunta dirixida á Comisión Europea sobre os novos requirimentos publicados hoxe polos propia CE a respecto do procedemento de infracción aberto ao Estado español no 2021 sobre a prórroga da concesión da AP9 e a posible incompatibilidade desta prórroga coas normas de contratación pública da UE. No seu escrito, Miranda demanda que a CE faga público sobre a resposta do Estado español, os prazos exactos e o expediente do mesmo.

“Na resposta á unha pregunta anterior, a Comisión afirma que tivo varios intercambios e reunións coas autoridades españolas que parece que non tiveron éxito, como se constata neste novo requirimento”, sinala a eurodeputada do Bloque quen considera que o Goberno español ampliou a concesión da autoestrada AP-9 incumprindo a normativa comunitaria, “pois esta prórroga equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación”.

“Cada vez temos máis indicios de que a prórroga da AP9 é Ilegal”, manifesta Ana Miranda, quen subliña que “como eurodeputada galega, presionarei como fai o BNG en todas as institucións para defender os intereses galegos e que este procedemento chegue ao final para que se anule unha concesión leonina, que vai en contra dos intereses das e dos usuarios galegos”.

Desleixo de PP e PSOE

“É un escándalo que os galegos e galegas teñamos que estar pagando por unha prórroga da ampliación da AP9 por culpa dunha decisión do goberno de Aznar no 2000 e pola inacción do PSOE que non reaccionou cando a CE abriu o procedemento de infracción en 2021, ao dar por válida esa prórroga”, subliña Ana Miranda, quen denuncia que esta decisión a afonda, unha vez máis, na discriminación de Galiza.

“Esiximos ao goberno español que aproveite esta situación para rescatar a AP9 e acadar por fin unha AP9 libre de peaxes”, subliña a eurodeputada galega, quen defende que “é o momento de rematar co agravio que sufrimos”, ao tempo que lembra o traballo continuo desenvolvido polo BNG coa presentación de diversas iniciativas tanto no Parlamento Galego como nas Cortes para conseguir o dobre obxectivo de conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes.

 
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG