Parlamento Europeo

Ana Miranda denuncia na Eurocámara a discriminación de Galiza na rede transeuropea de transporte

Ana Miranda
Ana Miranda

O BNG pregunta á Comisión se está prevista unha rectificación e critica a complicidade dos distintos gobernos de PP e PSOE

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, enviou hoxe unha pregunta á Comisión Europea sobre a recente decisión da Comisión Europea de priorizar o desenvolvemento da conexión de alta velocidade entre Lisboa e Madrid, excluíndo a conexión Vigo-Porto da rede básica transeuropea para o transporte de viaxeiros e modificando a previsión da súa execución para o ano 2040. “Esta decisión supón unha discriminación para Galiza e un grave revés para a posta en marcha desta conexión ferroviaria fundamental e irrenunciábel para Vigo e para o conxunto da Galiza”, denuncia a eurodeputada galega.

Para o BNG, a conexión ferroviaria de alta velocidade entre as cidade de Vigo e Porto, a denominada Saída Sur, constitúe unha infraestrutura de alcance estratéxico para completar a vertebración ferroviaria do eixo Atlántico e de carácter esencial para a área de Vigo e configurala como un grande polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Neste sentido, na pregunta parlamentar Ana Miranda pregunta se está prevista unha rectificación da decisión.

Tendo en conta estas consideracións, no pleno do Parlamento Europeo a eurodeputada do Bloque votou en contra do Informe sobre a proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo ás orientacións da Unión para o desenvolvemento da rede transeuropea de transporte, (e polo que se modifican o Regulamento (UE) 2021/1153 e o Regulamento (UE) n.º 913/2010 e se derroga o Regulamento (UE) n.º 1315/2013).

“A complicidade dos distintos gobernos do PP e do PSOE na discriminación de Galiza, e da área de Vigo en concreto, para incluíla na rede transeuropea de transporte é escandalosa”, critica a eurodeputada do Bloque, quen denuncia que nin no goberno do Estado nin no goberno galego estes dous partidos teñen en conta as necesidades dos galegos e galegas.

Fortalecemento da economía

Pola contra, Miranda salienta o intenso traballo desenvolvido pola formación nacionalista para que Galiza fose incluída nesta rede, mesmo presentando emendas propias ou apoiando propostas de outros grupos parlamentares. De feito, o Bloque no Parlamento Europeo sempre defendeu a igualdade de tratamento entre o Corredor Atlántico e o Mediterráneo e que foran tratados como dous proxectos estratéxicos complementarios do Estado español nas redes transeuropeas de transporte. “Eliminar un dos dous proxectos só implica defender a discriminación dos territorios, neste caso do Noroeste Peninsular”, sinala Ana Miranda. Precisamente a eurodeputada nacionalista defende que o desenvolvemento da conexión Vigo-Porto da rede básica transeuropea é un elemento fundamental na loita contra o despoboamento, o fortalecemento da economía do noroeste peninsular e a mellora das infraestruturas.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG